Etiquetas

, ,

DSC_0379

Alessia, Margherita, Corina e Sabrina cantando o día da recepción de benvida aos membros do Erasmus + no Istituto Superiore Gentileschi de Nápoles

Fai falta máis ca un post para falar de toda a experiencia que vivimos esta semana pasada en Nápoles.

Non só traballamos no medio audiovisual, creamos e compartimos contido co profesorado e co alumnado dos 5 centros europeos comprometidos no proxecto SAFTAS (Students Academy of Film and Theatre Awards), do Erasmus +, se non que ademáis convivimos moi estreitamente con moi boa xente, con persoas moi comprometidas co ensino, en especial coa comunidade educativa do Istituto Artemisia Gentileschi, que xa é tamén o noso insti.

De alí traemos lembranzas, novos proxectos e material novo que iremos integrando na produción do Obradoiro Músicasbarxas, como  Ricordi d´estate, unha canción orixinal que escribimos  e filmamos ali mesmo coas alumnas Federica Longobardo, Sabrina Parisi, Margherita Grasso e Alesia Russo, que son xa, por dereito propio, compoñentes do noso proxecto de ensino da música en secundaria.

Escoitámolas cantar o día da recepción de benvida e dábanlle tal xeito que pensamos que quizáis elas poderían conformar un  equipo de creación de banda sonora orixinal para os proxectos audiovisuais do seu insti, onde non hai Departamento de música.

O tema da música é sempre un “problema” para o audiovisual escolar; non se poden empregar pezas con copyright e normalmente recórrese a plataformas de descarga de música con licenza tipo creative commons como jamendo.  Esa opción é completamente lexítima pero é moito máis interesante que alumnado e profesorado teñan a oportunidade de crear ese contido.  Completa o proceso produtivo  e abre vías de colaboración entre departamentos.  Así que, cando as rapazas remataron de cantar aquelas cancións tan chulas que coreaban os seus compañeiros e profes, falamos con elas para felicitalas e para preguntarlles se tiñan algunha canción escrita de seu.  Dixeron que non, que iso era moi difícil.

Quedamos un día, con só un par de horas para producir algo, pero estabamos seguros de que tiñan o preciso para  escribir unha canción: voces, unha guitarra e…criterio!  Unha ben nutrida librería de cancións na súa cabeza que lles ía axudar para saber se estabamos facendo “o correcto”.

E saíu! Aí a tedes no video de embaixo. As alumnas escolleron un punto de partida dos que lles ofreceu o profe e de aí foron tirando do fío, levadas pola intuición e por un saber facer que nin elas mesmas eran conscientes de ter.

Estupenda tamén Aitana Sanz coa cámara, na canción que forma parte xa da banda sonora das nosas vidas.  Federica, Sabrina, Margherita, Alesia, Corina e todo o alumnado saben que poden escribir cancións e contribuir, facendo o que lles gusta, a que o noso proxecto sexa máis interesante, mellor! Pero máis importante aínda: a súa canción, Ricordi d´estate, soa nos seus reprodutores de mp3 xunto ás dos seus heroes, que agora son moito menos inalcanzables.

Insegnare é azione!

😉

Advertisements