No Departamento de música do IES As Barxas acabamos de recibir a boa nova dun novo premio para un dos nosos traballos audiovisuais, o Cinedfest, certame de alcance nacional organizado pola Consejería de Educación, Juventud e Igualdad do goberno de Canarias (co patrocinio de moitas e importantes empresas privadas), concretamente o segundo premio na categoría de bacharelato, acadado pola curta musical A lei da música.
Escrita e dirixida pola alumna de primeiro de bacharelato Aitana Sanz, con música orixinal do seu compañeiro Álex Táboas, que foi gravada na mesma aula, A lei da música é un proxecto construido desde, sobre e para a música, cun argumento aparentemente sinxelo que nos serviu para aprender un montón de cousas relacionadas coa gravación e a edición do son. Imos dar unha voltiña pola curta desvelando algúns dos seus misterios.
A banda sonora soa ao longo de toda a peza, pero as cualidades do seu son varían en función da fonte e procedencia.

A primeira vez que oímos a banda sonora orixinal facémolo desde o despacho de José Luís Fernández, a música semella vir desde o piso de arriba. para iso eliminamos as frecuencias medias e agudas do rango audible polo oído humano, que podedes ver representado aí, á dereita, no ecualizador gráfico.

A continuación escoitamos a música no hall do instituto e editamos o son para que semelle provir duns deses altofalantes que se encastran nos teitos, que adoitan ter moi pouca presenza de frecuencias graves, que atenuamos agora no ecualizador.

Cando vemos que José Luís indentificou de onde ven o son, este aparece tal como está gravado, por iso deixamos a ecualización plana, respectando a gravación orixinal.

E cando escoitamos a banda sonora de Álex Táboas a través dos auriculares de Ruth Casteleiro e Diego Costa, facémolo eliminando todo o rango das frecuencias máis graves.
É interesante apuntar o feito de que a rodaxe fíxose “muda”. José Luís non escoitou a música en ningún momento, o que dá máis mérito aínda ao seu traballo! Ruth e Diego si a escoitaban nos seus auriculares, están bailando e bailar sen música como que non…pero o que escoitamos non saía dos seus reprodutores portátiles, a banda sonora introducíuse na posprodución.
Tamén axustamos a intensidade e direccionalidade do son; se ven da esquerda, por exemplo, teremos que percibilo máis desde o altofalante ou auricular esquerdo.

A escena final é unha verdadeira ficción sonora. Os pasos de José Luís, o son das portas abríndose, que se gravou aillado e logo introducíuse atendendo a súa procedencia, como podedes ver no recadro da dereita…mesmo o barullo dos rapaces, do que a maioría gravouse unha vez rodada a curta…un traballón!
Pois aí tedes o “making of”! Parece que todo o que vedes arriba foi percibido e valorado polo xurado do Cinedfest. A lei da música ten unha banda sonora orixinal estupenda, escrita e interpretada por un alumno, pero non ten un guión “dramático”, nin diálogos de ningunha clase, nin máis carga social que ser unha metáfora sobre a defensa da música no ensino e na vida en xeral, ou ese era o pretexto de Aitana, a autora do guión, pero no mesmo guión (e Aitana tiña clarísimo como tiña que ser tratada a música nesta curta) estaba agochado o misterio da edición de audio e como tratar ese tema de maneira didáctica.
Por iso quero dar moi sinceramente as grazas, por crear unha actividade perfecta, das que non se esquecen, e que eu disfrutei a tope como profesor de música.
Que impere a lei da música, si señor!!!
A entrega de premios será o 10 de xuño, na Gala Final Cinedfest 2016, nos cines Yelmo Meridiano de Santa Cruz de Tenerife.
Estamos invitad@s!
😉
Pingback: O Premio Cinedfest á nosa curta A lei da música na prensa de hoxe | Música en secundaria