Canle Youtube

   Músicasbarxas, a canle de youtube no que volcamos gran parte do noso traballo, pasa  xa das 80 mil visitas e supera os 450 subscriptores. Xunto co noso blog, musicaensecundaria.com, conforman os medios que empregamos para compartir as nosas producións.

 O que segue é unha viaxe a través das listas de reprodución que o artellan:

  • Crea clips:  Estes exercicios de composición son un vehículo formidable para a aprendizaxe da escrita e da lectura da música.  A idea: Nin un só concepto teórico sen unha aproximación creativa. Empregamos a composición pura ou suxerida, partindo da forma, para tratar algún aspecto específico da linguaxe musical que queremos que o alumnado asimile, a través dunha ampla variedade de opcións: pezas a solo, duetos e tríos para frauta de bico, instrumentais e cancións para conxunto libre, tema con variacións, cabeceiras para as listas de reprodución da nosa canle de youtube… o círculo péchase cando as pezas e os exercicios escritos polo alumnado súmanse aos demáis materiais didácticos creados no departamento de música, co que cumplimos un doble obxectivo: aprender entre iguais e que o alumnado se emplique en todo o proceso educativo.
    Captura de pantalla 2016-04-15 a las 23.26.08.png
  • Curtametraxes musicais: A creatividade facilita os procesos de aprendizaxe e a autoestima do alumnado, que traballa coa maior autonomía posible. Como docente coordino a preprodución, os equipos que eles mesmo conforman e todo o proceso de creación e gravación da música, nuns proxectos que supoñen unha verdadeira inmersión creativa nas novas tecnoloxías mediante proxectos dirixidos polo propio alumnado. Curtas como Lazy pandas  ou  Alicia (realizado en colaboración co departamento de plástica do centro, e gañador do premio Olloboi no 2014, os “oscars” do audiovisual escolar galego), inclúen guións e cancións orixinais.Captura de pantalla 2016-04-11 a las 22.24.14
  • Webserie Seminario 5:  Nos nosos días as series de televisión teñen acadado un papel moi importante dentro das producións audiovisuais, ata o punto de vir ocupando o espazo que tradicionalmente ocupou o cinema, especialmente entre o noso alumnado.  Seminario 5 é un proxecto que parte desa nova realidade, e sérvese de ese interese para acadar unha gran variedade de obxectivos didácticos.  Trátase dun esforzo compartido por toda a comunidade educativa do IES As Barxas (alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais..) e de todo o pobo de Moaña (policías, perruqueiras, mariscadoras..).  Realizada polo alumnado de 1ºBACH nos seus aspectos técnicos e artísticos, especialmente a banda sonora , forma parte xa do ecosistema educativo e emocional do centro e foi recoñecida tamén co premio Olloboi na edición do 2015.  Neste 2015 – 2016 Seminario 5 é xa un proxecto importante, no que están implicados todos os departamentos de linguas, que están colaborando, creando materiais didácticos, especialmente para o aprendizaxe de linguas estranxeiras, e coa tradución da serie do galego e a escrita de subtítulos, tamén para as persoas con discapacidade auditiva, que expresa o noso compromiso coa diversidade funcional, que ampliaremos mediante a adaptación dos episodios para que poidan ser disfrutados polas persoas con discapacidade visual.seme 5

  O proxecto ten un compoñente emprendedor, pois temos xa un apartado de merchandising, como as series profesionais,  e o público pode achegarse á páxina web de Seminario 5 para mercar as camisetas que temos xa listas para seren enviadas.

   Pero Seminario 5 é algo máis; unha ferramenta para a prevención do consumo de drogas e para o exercicio do pensamento autónomo e do espíritu crítico do alumnado: nunha das camisetas dispoñibles lese o lema da serie: “Se queres cambiar o mundo, comeza por saber como funciona”. Para iso contamos coa colaboración de profesorado dos Departamentos de Filosofía e Ciencias Sociais.

 O obxectivo é poder editar a serie nun dvd que inclúa os episodios e o material didáctico que estamos elaborando e poder compartilo con todos os centros de ensino.

  • Video clips: Nun contexto sociolingüístico de franco retroceso, unha das actividades que máis nos compromete é o fomento da lingua galega.  En colaboración con outros departamentos (Lingua galega, equipo de normalización, biblioteca..), escribimos cancións e filmamos video clips que implican a alumnado de distintos niveis educativos, moitas veces en horario extraescolar.  O resultado pode verse, por exemplo, en O Verme e a estrela ou en Galiza latina, video gañador do premio Videoghit 2015 e do II Certame de videocreación para centros escolares do concello de Santiago de Compostela,  que ten por obxecto, precisamente, a promoción da nosa lingua.  Como pode verse o video ten, ademais, o obxectivo de axudar a integrar ao alumnado inmigrante a través da música.  Compartimos cultura a través da letra, da melodía e do ritmo.GAliza latina.png
  • Traballiños: Os traballos que tradicionalmente se lles encargan ao alumnado, co pretexto dun tema, dun artigo ou a través de calqueroutro soporte,  teñen no noso proxecto unha versión audiovisual.

  Partindo dunha base común, o alumnado pode centrar a súa atención onde prefira e realizar o seu traballo a través dunha redacción, dunha presentación, dun video, dun podcast, dun video xogo con scratch…  Investigando sobre os inicios dos Beatles, por exemplo, as aportacións do alumnado incluiron videos sobre o seu periodo en Hamburgo, sobre o peiteado e a moda nos anos 60, sobre a emigración galega nesa época, sobre as lesións irreversibles que pode ocasionar no cerebro a práctica do boxeo, unha entrevista inventada a Paul McCartney…Trasladamos á aula o feito de que a realidade é un mosaico e o coñecemento un todo interconectado.

  • Zona crítica:  Educar no desenvolvemento do espíritu crítico e no exercicio da liberdade de expresión exixe a creación de espazos para a súa práctica cotián.    Na zona crítica o alumnado expresa o seu parecer sobre obras relevantes que tratamos en clase.  De maneira completamente autónoma o alumnado da conta, mediante podcasts, dos discos que o profe recomenda.  Ao facer públicas as súas críticas contribuimos tamén a  educar no  emprego activo e responsable da internet.
  • Músicasbarxas tv:  As actividades extraescolares poden resultar de especial interese.  A visita a un estudio de gravación  ou a dun profesional relevante á nosa aula pode servirlle ao grupo de alumnas e alumnos que realiza directamente a actividade, pero tamén pode servirlle aos demáis estudantes, do noso e doutros centros, a toda a comunidade educativa. Así que realizamos videos que compartimos a través da nosa canle.  En canto teñamos os medios precisos, retransmitiremos en streaming as actividades que mellor se presten para compartilas en tempo real con outros centros de ensino.
  • Aprendizaxe de linguas estranxeiras: (Ver tamén en Anexos). Ademáis do traballo relacionado coa webserie Seminario 5, temos en marcha dúas seccións bilíngües, co que, en coordinación co Departamento de inglés, realizamos materiais didácticos e actividades específicas.  Entre os primeiros destacan os que chamamos “Game of differences” (“O xogo das diferenzas”, na súa versión en galego); unha ferramenta integrada na internet, que empregamos para axudar ao alumnado de 3º ESO a asimilar os diferentes estilos da historia da “música clásica”, mediante a indagación e a posta en práctica dos contidos propios da materia.     Entre as actividades deseñadas específicamente para a aprendizaxe de linguas estranxeiras temos a rodaxe de lip dubs, unha actividade que ten moito éxito entre o alumnado.  Un dos nosos preferidos é o que fixemos coa canción Get in line, de Ron Sexsmith, no que damos vida a famosos personaxes da historia a través dos seus retratos; así cada un dos participantes tivo que imitar ao personaxe no seu cadro e realizar así o playback, para logo fundir as dúas imaxes de cada plano co editor de video. Ron Sexsmith, ao velo, dixo “Wow!”Captura de pantalla 2016-04-15 a las 23.20.49.png

   Ademáis, o Departamento de música do IES As Barxas participa desde este curso no proxecto SAFTAS (Students Academy of Film and Theatre Awards), xunto con outros 5 centros de toda Europa, dentro da iniciativa da UE Erasmus plus.  O título do noso proxecto é “The other” (“O outro”) e ten como obxectivo primordial a loita contra a discriminación das persoas por razóns de identidade sexual, cultura, condición económica, discapacidade… O noso cometido é a produción de contido audiovisual, incluída a banda sonora, que compartiremos na rede e que trasladaremos ao Festival internacional de cinema novel de Angers, en cuxa organización participamos.  Isto supón para o alumnado unha verdadeira inmersión na práctica de linguas estranxeiras e unha experiencia valiosísima desde o punto de vista humano, ao achegarse á realidade de tantas persoas no contexto dun proxecto internacional que comparten con alumnado doutros países, cos que conviven e comparten traballo.

  • Comprometidos coa diversidade funcional, 2 de abril de 2016 estreamos Inclusión, un video que reivindica, no Día Internacional da concienciación sobre o autismo, os dereitos das persoas con TEA.  Con Inclusión abrimos esta lista de reprodución que se irá nutrindo cos traballos relacionados coa diversidade funcional, tanto os feitos no nos departamento como os que sexan froito da colaboración con outros centros de ensino.seme 2.jpg
  • Titoriais e Clase invertida (flipped classroom)  (Ver tamén en anexos) Realizados polo alumnado e polo profe, trátanse de recursos on line sempre dispoñibles e ao alcance de calquera que os poida necesitar. Aproveitando a nosa experiencia con titoriais e cos podcasts da Zona crítica, decidimos neste 2015 – 2016 lanzarnos á creación de videos para implementar os principios da Clase invertida no Obradoiro Músicasbarxas.  A idea é redirixir a atención, abandonar a imaxe do profesor como centro ao que se dirixen todas as miradas e poñer o foco no alumnado.    Por exemplo, en 4º ESO, estudamos a historia da música popular asincrónicamente; en lugar de seguir o modelo expositivo  tradicional, co profe dando “conferencias” seguindo unha cronoloxía de máis antigo a máis actual, dividimos a clase en grupos, de maneira que cada un deles adique o tempo a investigar unha década determinada, co obxectivo de crear cadanseu video. Así, o grupo dos anos 60, vai saber dos anos 80 a través do video realizado polos compañeiros doutro.  Iso posibilita que o docente adopte un papel máis activo, de catalizador, guía e motivador, e darlle dese xeito unha atención máis personalizada ao alumnado e poder adicar máis clases á composición e a tocar os arranxos ou as cancións creadas por eles mesmos.  O noso obxectivo último é que o alumnado aprenda de verdade e incorpore a música a súa experiencia.Captura de pantalla 2016-04-15 a las 23.33.23.png
  • Obradorios para o profesorado:  Esta lista de reprodución inclúe videos e titoriais realizados co profesorado ao que o coordinador do Obradoiro Músicasbarxas lle ten impartido docencia en distintos foros e a través dos Centros de Formación do profesorado (Cefores de Vigo, Pontevedra e Ferrol).
  • Actuacións en directo Ao vivo é a lista de reprodución á que subimos as nosas actuacións en directo. O repertorio confórmase con pezas pertencentes á historia da música clásica, da popular e do material que compoñenos na aula, incluidos arranxos para orquestra orff realizados polo alumnado.seme 6.jpg
  • Videos virais: Se o alumnado reclama presenza na rede, imos darlle a oportunidade de que teña espazo para que xogue con regras educativas.  A través de “Quero ser viral” poden propoñerse actividades que compartan os obxectivos do Obradoiro Músicasbarxas.  Un simple video que recolla unha saída extraescolar pode servirnos tamén para ver a actividade a través dos seus ollos.